martes, 11 de octubre de 2011

¿Canto tempo viven as diferentes células do noso corpo?


Ao estudar o ciclo celular (4º ESO) podemos facernos a pregunta anterior. Pois ben a duración da vida dunha célula depende principalmente do que esté marcado no seu ADN (instuccións) e da súa función. Para calcular a sua idade hai que fixarse no seu ADN xa que non cambia dende o momento da formación da célula ata a súa morte. O resto de orgánulos celulares renóvanse cada ciclo celular efectuado.

O científico sueco Jasen Frisen inspirouse nas datacións arqueolóxicas, que usan un reloxo moi fiable: a radiactividade. Os núcleos dos átomos radiactivos desintégranse a unha velocidade bastante constante e, se se coñece a proporción dunha substancia radiactiva que había en orixe, cando se formou a célula, pódese calcular a idade desta medindo a cantidade de radiactividade que presenta na actualidade.

Os resultados de aplicar os seus estudos ás células humanas foron moi interesantes. Demostran que o noso corpo ten unha idade media de entre 7 e 10 anos, a pesar de que nós teñamos varias décadas máis. A maioría das células renóvanse, pero os ritmos de renovación son moi dispares.

As células que menos viven son as que están sometidas a un maior desgaste. As células que recobren o interior do sistema dixestivo, que están sometidas ao ataque constante de ácidos e encimas dixestivas, viven unha media de 5 días (aínda que o resto de células do sistema dixestivo viven máis de 15 anos en media). As células da capa externa da pel, que resisten as agresións do medio exterior, duran unhas dúas semanas (o po que respiramos está en boa medida formado polas escamas que se nos desprenden).

Os glóbulos vermellos do sangue, moi golpeados despois de viaxar moitos quilómetros polo torrente circulatorio, duran uns 120 días. As células do fígado, que deben procesar todo tipo de substancias tóxicas, desgástanse tamén pronto: viven entre 300 e 500 días.

Outras células que non soportan tanto atafego teñen unha vida moito máis duradeira. As células dos nosos ósos viven uns dez anos. Hai mesmo células que non se substitúen en toda a vida: as neuronas da codia cerebral e as do cristalino ou lente interna do ollo (aínda que estas en realidade son células mortas, desprovistas de núcleo), cuxa dexeneración causa as cataratas coa idade. As células do corazón incluíanse antes tamén entre as que non se renovaban, pero os últimos estudos parecen mostrar que se xeran algunhas novas células ao longo da vida.

No hay comentarios:

Publicar un comentario