sábado, 28 de diciembre de 2013

Outro galego no templo da investigación



O profesor do Departamento de Física de Partículas e investigador do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías Néstor Armesto súmase ó templo da investigación internacional. Armesto integrará o grupo de Coordinación do proxecto LHeC, que estudará nos próximos catro anos, de 2014 a 2017, o potencial científico e a posible realización técnica dun colisionador entre protóns ou ións e electróns e os seus detectores asociados, co acelerador de partículas do CERN (LHC) e os futuros aceleradores de protóns ou ións que se puidesen construír neste tempo. 
O grupo intégrano nove persoas, das que soamente dous son físicos teóricos, un deles o profesor da Universidade de Santiago de Compostela.

O proxecto LHeC permitirá valorar a construción dun acelerador de electróns no CERN para mediados da década de 2020. 
Estes electróns faríanse chocar con protóns ou ións que se aceleran actualmente no LHC, constituíndo un experimento –denominado de dispersión inelástica profunda– que permitiría tanto analizar protóns e núcleos cunha precisión nunca antes alcanzada, como examinar as propiedades do bosón de Higgs recentemente descuberto. 
De facerse realidade, constituiría o experimento de análise da estrutura da materia de maior resolución xamais construído.

No hay comentarios:

Publicar un comentario