O número máis grande que adoitan recoller os dicionarios soe ser o quintillón ou o sextillón. Isto serve para facérmonos unha idea da complexidade de imaxinar a magnitude dun número xigante. Este problema á hora de nomear os números grandes xa preocupaba aos grandes pensadores do mundo antigo e, de feito, é o tema central do Arenarius de Arquímedes.
Agora este texto está dispoñible en galego por primeira vez grazas ao traballo dos profesores Miguel Ángel Mirás e José Nicanor Alonso, do Departamento de Matemáticas da Universidade de Vigo. A tradución acaba de ser publicada no portal Bivir (Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego) e como destacan os docentes, é “probablemente o libro de divulgación científica máis antigo da historia”.
Neste texto Arquímedes establece un método que permite expresar números tan grandes como para contar o número de grans de area que se precisan para encher o Universo. Este texto conta tamén cun gran valor histórico, xa que segundo os seus tradutores, “informa dos sorprendentes coñecementos astronómicos da época”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario