Eran as 11 de mañá deste xoves 27 de decembro cando estouraba a ledicia nunha sala da Escola de Telecomunicacións do campus de Vigo.
O ‘Lume-1’ facía o seu primeiro pase orbital por riba de Galicia e os sensores da Estación de Control detectaban o primeiro paso do satélite galego, despois dun lanzamento perfecto dende o porto espacial de Vostochny, en Siberia, a bordo dun foguete Soyuz.
“O lanzamento foi perfecto”, dixo o director do proxecto, o profesor Fernando Aguado: “tivemos xa unhas iniciais boas novas dende a Universidade de Boloña, onde detectaron sinais que eran compatibles co noso satélite… E ás 11 de mañá xa confirmamos que o noso Lume estaba ben”.
Aproximadamente unha hora despois diso, a Soyuz deixou no espazo os dous satélites Kanopus-V, fabricados por Rusia para previr desastres naturais. Xunto a eles viaxaban outras 26 naves espaciais, entre as que se contaba o satélite galego ‘Lume-1’. A axencia Roscosmos informou de que “entre as naves estranxeiras que se enviaron á órbita atópanse as naves GRUS de Xapón, 12 satélites Dove dos Estados Unidos, a nave espacial ZACube-2 de Sudáfrica, o Lume-1 de España, os satélites alemáns D- Star ONE ( iSat), D- Star ONE ( Sparrow) e UWE-4, así como 8 naves espaciais Lemur dos Estados Unidos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario