SLIDER

lunes, 12 de diciembre de 2011

Biotecnoloxía


Segundo o Convenio sobre Diversidade Biolóxica de 1992, a biotecnoloxía podería definirse como "toda aplicación tecnolóxica que utilice sistemas biolóxicos e organismos vivos ou os seus derivados para a creación ou modificación de produtos ou procesos para usos específicos".

Que a biotecnoloxía cambiou e seguirá cambiando a nosa vida non é algo novo, pero sempre nos custa imaxinarnos por onde irán os novos cambios e como de preto están. Para estimular esa imaxinación, preséntoche cinco investigacións próximas a converter os seus descubrimentos en realidade e cun potencial enorme para mellorar as nosas vidas.


1º) Bacterias que comen aceite. O seu uso podería minimizar o impacto no medio das verteduras de petróleo, acelerando a súa limpeza. Aínda que se sabe destas bacterias dende os 80, non foi ata hai pouco cando se puido secuenciar o seu xenoma de forma completa, o que facilitará aos científicos a tarefa de mellorar determinadas calidades que fagan a súa limpeza máis rápida.

2º) Células antitumorais
. No centro de investigación contra o cancro de UCLA crearon unha tropa de células preparadas para mellorar o noso sistema inmunitario detectando e destruíndo melanomas malignos. Os super linfocitos introdúcense no corpo por vía intravenosa e chegan onde estea o tumor. Os estudos en humanos empezarán nun ano. 

3º) Biocombustible a partir de plantas de tabaco
. Ata agora utilizábase o aceite que se encontraba nas sementes do tabaco para producir biocombustibles, pero a cantidade que se podía extraer facía o proceso pouco viable. O avance? Conseguir o aceite das follas do tabaco, que ademais son modificadas xeneticamente para producir vinte veces máis. 

4º) Tecnoloxía para secuenciar o xenoma de forma barata e efectiva
. A medicina personalizada parece ser o futuro, e para iso é básico poder identificar o ADN de cada persoa de forma rápida e barata. Este proxecto está agora en mans de Roche e IBM, que están a desenvolver un secuenciador que permitirá ler e descifrar o ADN de forma rápida e económica.

5º) Creación de células nai sen substancias animais
. Ata agora, todas as células nai foran creadas con axuda de proteínas animais, o que descartaba o seu uso en humanos. Pero científicos suecos deron coa forma de crealas sen valerse de células animais, achegando a posibilidade de crear distintos tipos de células nai deseñadas para rematar con diversas enfermidades.

No hay comentarios:

Publicar un comentario