SLIDER

martes, 19 de mayo de 2015

Descobren o primeiro peixe de 'sangue quente'


O opah é o primeiro peixe capaz de manter a súa temperatura por enriba da do ambiente de forma constante, algo reservado ata agora a mamíferos e paxaros. O sistema polo que quenta o sangue é unha sorpresa para os biólogos.

Esta criatura que vive nas augas mornas e ten forma ovalada é, segundo o equipo de Nicholas Wegner, o primeiro peixe con algo parecido ao 'sangue quente' (endotermia) de todo o reino animal, xa que posúe un sistema que lle permite quentar o seu corpo por enriba do ambiente e manter esta temperatura mesmo nas augas máis xélidas e profundas. O segredo, tal e como describen na revista Science, está no movemento das súas aletas pectorais que converte en calor e canaliza a través da súa propia rede marabillosa, que dirixe o sangue contracorrente e consegue quentar o resto do fluído osixenado e frío que procede das galadas. Con este sistema o peixe consegue algo que os atúns ou as quenllas non conseguiron, que é manter a temperatura do cerebro e o corazón por enriba do ambiente, o que lle dá unha vantaxe competitiva, pois non ten que regresar rapidamente á superficie para quentar os seus órganos internos.

O descubrimento produciuse de forma fortuíta cando o coautor do estudo, Owyn Snodgrass, mostrou a Wegner unha mostra do tecido das galadas do opah. Co que tiña diante Wegner decatouse de que podía tratar dun circuíto como a rede marabillosa e seguiu tirando do fío. Para o traballo que se publica agora tomaron a temperatura dos peixes desta especie que capturaron na costa oeste de EUA e certificaron que os seus corpos estaban de xeito continuo máis quentes que a auga en que os encontraban.

No hay comentarios:

Publicar un comentario