lunes, 6 de enero de 2014
O 2014 e a ciencia: exoesqueletos, bebés con tres pais e láseres
A inauguración do Mundial de Fútbol de Brasil en xuño pode ser un dos maiores fitos científicos de 2014. O día do inicio, un mozo con parálise podería levantarse da súa cadeira, camiñar ata o balón e dar a patada inaugural do campionato grazas a un novo tipo de exoesqueleto controlado co cerebro que están a desenvolver preto dun centenar de científicos de EUA, Europa e América Latina. Os responsables do proxecto, chamado Walk Again ("andar outra vez"), xa lograron que un macaco controlase co seu cerebro os movementos dun robot.
Este ano tamén esperamos a primeira aterraxe dunha nave humana sobre un cometa. O fito protagonizarao a misión europea Rosetta, lanzada en 2004. O próximo 20 de xaneiro a sonda sairá do seu período de hibernación mentres segue achegándose ao seu obxectivo, o cometa Churyumov-Gerasimenko. En maio, a nave comezará a orbitar este corpo e en novembro disparará o robotPhilae para que aterre no cometa e o analice. En 2015 Rosetta verá o Churyumov-Gerasimenko dirixirse ao seu posible fin, torrado na súa órbita máis próxima ao Sol.
Unha misión pagada en parte por executivos de Google comezará un proxecto para viaxar a asteroides e extraer recursos naturais. Mentres, as grandes axencias espaciais seguirán planeando a súa conquista de Marte e o espazo profundo. En setembro, a NASA probará a nave na que quere enviar humanos a Marte, a cápsula Orion. O mes seguinte será a quenda do IXV, un vehículo espacial reutilizable que serviría para misións robóticas e tripuladas e que podería converterse no "avión espacial" do futuro, segundo a Axencia Espacial Europea.
En biomedicina destaca o avance positivo da nova vacina contra a tuberculose, desenvolvida en orixe por un equipo español. Os datos definitivos da primeira rolda de análise en humanos teranse este ano e, se son positivos, poderase comezar a preparar un ensaio clínico moito maior, probablemente en África. Outros avances neste campo virán de man da política, por exemplo a esperada decisión do Parlamento británico, que podería aprobar un novo sistema de fecundación in vitro para traer ao mundo nenos con tres pais, o que evitaría que a nai pase ao fillo certas enfermidades xenéticas.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario