SLIDER

martes, 1 de septiembre de 2015

O mar inundará nun século grandes cidades como Miami ou Ámsterdam



O nivel do mar sobe imparable dende que as emisións de gases de efecto invernadoiro que comezaron coa Revolución Industrial investiron a medidados do século XIX un proceso de arrefriamento dos océanos que duraba case dous mil anos. Agora, un equipo de investigadores da NASA analizou os datos dos satélites dispoñibles dende 1992 e puxo sobre a mesa un dato inquietante: o nivel do mar subiu de media case 8 centímetros en todo o planeta nestas últimas dúas décadas, e non vai parar.

Unha vez que xa se sabe con exactitude o que se elevou o nivel do mar nestas últimas décadas, a seguinte pregunta a responder é canto e con que rapidez seguirá facéndoo no futuro. Steve Nerem, coordinador do Equipo de Cambio do Nivel do Mar da NASA e tamén profesor da Universidade de Colorado, fala de «polo menos un metro nos próximos 100 anos, probablemente máis».

Pero hai investigadores que falan de case o triplo. Richard Alley, catedrático da Universidade Estatal de Pennsylvania e un dos maiores expertos en glaciares do mundo, aseguraba nunha entrevista a este diario que unha das cousas que máis lle sorprendeu do seu último traballo na Antártida era «a posibilidade de que o nivel do mar podería aumentar máis de 3 metros en menos de cen anos». Segundo explicaba Alley a este redactor, a desaparición do tapón natural da progresión dos glaciares cara ao mar por culpa do quentamento das augas podía facer que estes fluísen con máis rapidez cara ao mar, provocando un desastre moito máis rápido do que nos imaxinabamos. «Pasou outras veces. Ao longo da historia do planeta producíronse grandes variacións en poucos anos», sentenciaba Alley.

No hay comentarios:

Publicar un comentario