SLIDER

jueves, 18 de septiembre de 2014

Explican por que os continentes empezaron a moverse


As distintas placas chocan entre si, superpóñense unhas a outras, xúntanse, sepáranse e van modelando, ao longo do tempo, as formas dos continentes nun proceso de movemento contínuo que a Ciencia denominou Tectónica de Placas.

Non obstante, as cousas non sempre foron así no noso mundo. Houbo un tempo, hai varios miles de millóns de anos, no que os continentes non se movían en absoluto. E os científicos pregúntanse dende hai case un século que tipo de fenómeno puido poñer, nalgún momento do pasado, ese xigantesco "motor" en marcha. Agora, un grupo de investigadores da Universidade de Sidney cre ter resolto o misterio, e publicou as súas conclusións na revista Nature.

"A Terra é o único planeta do noso Sistema Solar no que se dá o proceso da Tectónica de Placas -explica Patrice Rey, autor principal do estudo-. Pero o rexistro xeolóxico suxire que ata hai 3.000 millóns de anos a codia terrestre non se movía en absoluto, polo que descubrir que foi o que desencadeou este fenómeno único é algo que dende hai décadas obsesiona aos xeólogos. Nós suxerimos que foi provocado polo xurdimento dos primeiros continentes e que, finalmente, se converteu nun proceso autosostible".

A Tectónica de Placas depende directamente da relación que existe entre a densidade das rochas e a temperatura. Nas dorsais oceánicas, as rochas están moi quentes e a súa densidade é menor, o que facilita o seu movemento e flotabilidade. Pero a medida que se van afastando das dorsais (empurradas polo novo magma que xorde continuamente), as rochas arrefríanse e a súa densidade aumenta, ata alcanzar o punto de facerse máis densas que o manto subxacente, o que fai que, ao final da súa viaxe, volvan ser arrastradas cara ao seu interior.

No hay comentarios:

Publicar un comentario