sábado, 25 de abril de 2015
Achan na Terra meteoritos procedentes... da Terra primitiva
Sabemos que a Lúa se formou hai máis de 4.000 millóns de anos tras o impacto contra a Terra dun corpo planetario do tamaño de Marte. O colosal encontrón debeu, por forza, lanzar ao espazo miles de entullos de todos os tamaños. Moitos deses fragmentos de rocha formaron a Lúa, pero un bo número deles debería estar aínda polos arredores e, o que é máis, algúns poderían mesmo ter regresado ao noso planeta, en forma de meteoritos, tras millóns de anos de vagabundeo espacial.
Agora, e baixo a dirección do astrónomo Bill Bottke, un grupo internacional de investigadores do Instituto Virtual de Investigación e Exploración do Sistema Solar (SSERVI), da NASA, conseguiu encontrar, nunha serie de meteoritos rochosos caídos á Terra un rexistro do xigantesco impacto que formou a Lúa. O seu traballo está a punto de publicarse en Science.
O maior impacto coñecido no Sistema Solar interior foi, sen dúbida, o que deu orixe á Lúa. Pero o momento exacto desa colisión segue sen coñecerse con exactitude, e as idades das rochas lunares máis antigas traidas á Terra polos astronautas das misións Apolo segue sendo unha cuestión suxeita a debate.
Mesmo é posible que pequenos restos do impactador que formou a Lúa puidesen encontrarse aínda dentro dos meteoritos que mostran signos do rápido quentamento que provocou impacto xigante. O cal permitiría aos científicos explorar por primeira vez a natureza primordial e aínda descoñecida do noso planeta natal.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario