SLIDER

miércoles, 12 de agosto de 2015

Os efectos dos retardantes de incendios persisten no monte tras 10 anos



O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), que en 2002 iniciou en Galicia unha liña de investigación pioneira sobre os efectos dos principais retardantes de chama nos ecosistemas queimados, publica en Science of The Total Environment os resultados do seu impacto a 10 anos, o que constitúe o estudo máis exhaustivo e a máis longo prazo a nivel mundial acerca das consecuencias que sobre o solo e as plantas teñen estes produtos, que potencian os efectos da auga na extinción dun incendio.

Os resultados revelan que o efecto do polifosfato amónico, axente espumante e polímero de acrilamida, visible a curto e medio prazo, mantense a longo prazo, influíndo en parámetros como a calidade efertilidade do solo ou o contido en minerais de especies vexetais entre as que figuran determinados tipos de toxos, piñeiros e breixos.

O grupo Bioquímica e Calidade de Chans, do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas (IIAG), centro do CSIC en Santiago de Compostela, realizou a investigación científica e técnica na área agroforestal. Para iso, os científicos do CSIC tomaron como zona de estudo Tomiño (Pontevedra), onde se extinguiu en 2003 con polifosfato amónico, axente espumante e polímero de acrilamida unha queima experimental tomando en todo momento as debidas precaucións ambientais, seleccionando unha área de baixo interese ecolóxico, queimando só a superficie imprescindible -unhas 20 parcelas de 500 m2 en total- e evitando a tempada de cría da fauna silvestre.

Tras a queima, recolleron periodicamente máis de 140 mostras de solos e 200 de seis especies vexetais(Pinus pinaster, Erica umbellata, Genistatriacanthos, Pterospatum tridentatum, Ulex micranthus, Ulex europaeus) que, posteriormente, se analizaron nos laboratorios do IIAG.

No hay comentarios:

Publicar un comentario