viernes, 24 de octubre de 2014
O sangue de miñoca salva vidas
As miñocas salvan vidas. O sangue destes vermes, empregados como cebo para a pesca, ten novas aplicacións para curar feridas ou para conservar órganos para trasplantes. Así o fai a empresa francesa Hemarina S.A., que presentou en Galicia a súa experiencia comercializando hemoglobina extraída dos poliquetos mariños que, para os pescadores, teñen un nome máis sinxelo: bicho. E que normalmente se emprega para pescar.
O científico francés Frank Zal, unha autoridade de renome mundial no campo da hemoglobina de invertebrados, presentou a súa experiencia no Foro Acui (Foro de Recursos Mariños e Acuicultura das Rías Galegas), celebrado no Grove.
A empresa de Frank Zal extrae moléculas de hemoglobina do sangue da Arenícola mariña. Esta molécula permite liberar o osíxeno que levan asociados órganos e tecidos. O produto resultante utilízase para conservar órganos que van ser trasplantados.
Actualmente, o sangue das miñocas de mar xa se comercializa para conservar órganos como ril, fígado, corazón ou páncreas. E contan con clientes en medio mundo. Segundo o científico francés, o extracto do sangue do verme deixa ao órgano mellor protexido e en mellores condicións para o trasplante.
Ademais, explóranse novas funcións deste soro, que nos experimentos de Zal se mostrou útil para deter hemorraxias ou acelerar o cicatrizado de feridas. Neste transvasamento de investigación á empresa, Hemarina S.A. tamén desenvolveu vendaxes con estas moléculas para utilizar en casos como o das úlceras asociadas á diabete, cuxa gravidade pode levar a amputacións.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario