SLIDER

jueves, 2 de octubre de 2014

Por que as follas cambian de cor en outono?



As follas adoitan ser verdes todo o ano porque acumulan clorofila, un pigmento que se encontra no interior dos cloroplastos. Estes son un compoñente das células vexetais que participa no proceso de aproveitar a enerxía do sol para transformar o dióxido de carbono do aire e a auga do chan en azucres aproveitables pola planta. 
Grazas a estes azucres as plantas poden crecer e custearse o seu funcionamento e no camiño producen un residuo fundamental para a vida, o osíxeno. Todo este proceso coñécese como fotosíntese.

A produción de clorofila require temperaturas cálidas e luz solar. Cando chega o outono e os días fanse máis curtos, a cantidade de luz diminúe e por iso a produción deste pigmento tamén decrece. Como resultado, as follas das plantas de folla caduca, perden a súa coloración verdosa en outono.

Ademais de clorofila, as follas teñen uns pigmentos coñecidos como carotenoides e flavonoides, que poden darlle ás follas as súas cores amarelas, laranxas e vermellas. Entre eles destacan os beta-carotenos, que lle dan a cor laranxa ás cenorias, a luteína, que lle dá a cor amarela ás xemas de ovo, e o licopeno, que lle dá a cor vermella aos tomates.

As cores destes pigmentos adoitan pasar desapercibidos nas follas porque a clorofila os enmascara durante o verán. Pero cando chega o outono, tanto as clorofilas coma os carotenoides e flavonoidesdegrádanse, pero os pigmentos verdes fano máis rapidamente. Por iso, as follas póñense amarelentas, alaranxadas ou avermelladas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario