SLIDER

miércoles, 26 de noviembre de 2014

O Frankenstein do século XXI: o primeiro home biónico


Ao principio chamárono Rex, acrónimo do termo 'roboticexoeskeleton' (exoesqueleto robótico). Pero pouco despois rebautizaron a criatura co nome de Frank, nun aceno a Frankenstein. 
Frank necesitaba un ril e doáronllo. Facíalle falta un páncreas... e conseguiu un. O mesmo aconteceu co seu corazón, a traquea ou os ollos. Frank non é unha persoa. Tampouco é exactamente un home biónico, aínda que o documental que narra a súa xestación se chame precisamente Cómo construír un home biónico. Vén a ser, en realidade, un espectacular escaparate cos últimos desenvolvementos no que a implantes e próteses biónicas se refire. Foi creado pola compañía británica Shadow Robo, e ata o principal responsable desta empresa Richard Walker quedou sorprendido pola cantidade de órganos do corpo humano que xa se poden crear nun laboratorio: máis dun 60 por cento do noso organismo foi creado artificialmente no corpo de Frank. Ten pernas capaces de andar, brazos, unha traquea, riles, un corazón que bombea sangue artificial...

Cada unha das súas partes foi creada nun canto do mundo: dende California ata Nova Zelandia, pasando por Alemaña ou Gran Bretaña. E todas elas están destinadas a utilizarse nun futuro como substitución de órganos enfermos ou amputados nun corpo humano real. O prezo de todos eles alcanzaría, de non ter sido doados para o proxecto, un millón de dólares (algo máis de 800.000 euros). En moitos casos trátase de prototipos en fase experimental. E, de momento, Frank non está completo. Fáltalle un aparato dixestivo e o máis importante de todo: un cerebro. Por agora, este xigante artificial de dous metros de altura só funciona respondendo ás ordes dun ser humano que o controla a través dun ordenador.

Ten, iso si, un rostro: o do psicólogo social da Universidade de Zúrich Bertolt Meyer, protagonista do documental no que el mesmo relata o desenvolvemento da súa versión biónica. A elección deBertolt non foi casual. Naceu en Hamburgo hai 34 anos cunha peculiaridade: faltáballe parte do seu brazo esquerdo, que só se desenvolveu uns tres centímetros por debaixo do cóbado. Practicamente dende que naceu, levou unha prótese. Ao principio era un engadido pasivo, cuxa función era unicamente a de acostumar o pequeno a convivir cunha parte allea ao seu corpo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario