SLIDER

domingo, 8 de marzo de 2015

O primeiro da familia humana


Unha estraña mandíbula con trazos mesturados achada en Etiopía suxire que a aparición do xénero Homo sobre a Terra aconteceu hai 2,8 millóns de anos, antes do que cría.

Un importante achado publicado a un tempo nas dúas revistas científicas máis prestixiosas do mundo, Nature e Science, pode botar luz sobre quen foi o primeiro da familia humana. Trátase dunha mandíbula parcial con cinco dos seus dentes aínda intactos desenterrada en Etiopía, que combina trazos primitivos doAustralopithecus con outros máis modernos de Homo, o que fai pensar que a diverxencia do noso xénero aconteceu hai 2,8 millóns de anos, case 500.000 antes do que indicaran probas anteriores.

O fósil, coñecido como LD 350-1, foi encontrado en 2013 por un equipo internacional de geocientíficos e antropólogos na área de investigación Ledi-Geraru no Estado Rexional de Afar, Etiopía. Como datar directamente uns fósiles tan antigos é imposible, os xeólogos utilizaron unha variedade de métodos para coñecer a idade das capas de cinza volcánica na rocha na que foron descubertos, como a medición dos isótopos de argon. Desta forma, determinaron que a erupción que orixinou a mostra se produciu hai entre 2,8 e 2,75 millóns de anos.

Ademais da mandíbula do noso antepasado, os investigadores tamén encontraron na zona restos de antílopes e elefantes prehistóricos, un tipo de hipopótamo, crocodilos e peixes, todos entre os 2,84 e 2,54 millóns de anos de antigüidade. Os fósiles suxiren que nese tempo a área era un hábitat máis aberto de pasteiros e matogueiras cun bosque en galería, é dicir, árbores que bordean ríos ou brañas. A paisaxe era probablemente similar a lugares africanos como as chairas do Serengeti ou o Kalahari.

No hay comentarios:

Publicar un comentario