SLIDER

viernes, 2 de enero de 2015

Vértebras fabricadas con impresoras 3D


Chegará o día no que o tratamento a determinadas enfermidades pase polo uso das chamadas impresoras 3D. A través desta tecnoloxía poderán crearse órganos, tecidos e prótese 'á carta'. Mentres este proceso continúa en investigación con animais, xa se están a realizar experimentos puntuais en humanos. O último, no Hospital da Universidade Zhejiang (en Hangzhou, China). Un paciente de 21 anos, Wang Lin, que sufría un tipo de tumor extremadamente raro na súa columna vertebral, beneficiouse dunha prótese á medida, deseñada en laboratorio a partir dunha impresora láser de terceira dimensión.

A partir dun escáner das vértebras de Lin, un programa de deseño asistido por ordenador permitiu trazar as dimensións exactas da peza metálica que requiría o paciente. A información deste modelo virtual transfírese a unha máquina, a impresora 3D, que se encarga de fabricar a estrutura metálica. "Capa a capa, fonde o titanio con láser, pero mantendo os perfís do ficheiro informático", ata lograr un implante de axuste perfecto. É unha especie de lámina reticulada, lixeira e flexible que os cirurxiáns inseriron na columna de Lin (a través dunha incisión no peito), despois de 'limpar' a zona afectada. "A operación foi todo un éxito e espérase que o paciente se recupere completamente", remarcan. Sobre todo, tendo en conta, ademais, que o material elixido para o deseño da prótese foi o titanio, "un material contra o que o sistema inmunolóxico do corpo humano non trata de loitar".

Non é a primeira vez que se implantan vértebras fabricadas con impresora 3 D nun paciente. O pasado mes de agosto, o hospital da Universidade de Beijing fíxoo cun neno de 12 anos afectado por un tumor. Os médicos substituíron a vértebra enferma por outra construída con titanio.

No hay comentarios:

Publicar un comentario