SLIDER

sábado, 11 de octubre de 2014

Arte rupestre en Indonesia máis antiga que a de Altamira



Unhas mostras de arte rupestre achadas nas antípodas, nunhas covas da illa de Sulawesi en Indonesia, poden encontrarse entre as máis antigas do mundo. 
Trátase de doce representacións en negativo dunhas mans duns 40.000 anos e unhas pinturas de animais de 35.400 que rivalizan en antigüidade con algunhas das xoias prehistóricas europeas, como os discos vermellos da cova cántabra Del castillo (40.800 anos), o gran bisonte de Altxerri en Guipúscoa (39.000 anos), ou a famosa e bela «Capela Sixtina» de Altamira (35.600 anos). Segundo o equipo científico que datou as creacións indonesias, que xa se coñecían pero se supoñían moito máis modernas, o descubrimento pon en cuestión que as primeiras producións rupestres se levasen a cabo só en Europa. É arte da Idade de Xeo feito nos trópicos.

«A arte rupestre é un dos primeiros indicadores dunha mente abstracta, a aparición de ser humano como o coñecemos,» afirma o profesor Mike Morwood, da australiana Universidad de Wollongong e un dos membros do equipo que hai dez anos describiu ao pequeno Home de Flores, alcumado o «Hobbit». Ao seu xuízo, o novo achado ten importantes repercusións nas teorías da evolución humana.

«Os europeos non poden reclamar exclusivamente ter sido os primeiros en desenvolver unha mente abstracta. Teñen que compartir isto, polo menos, cos primeiros habitantes de Indonesia», di o investigador Anthony Dosseto, tamén de Wollongong. Para os autores da investigación, «a arte rupestre podería ter xurdido de forma independente máis ou menos ao mesmo tempo nas primeiras poboacións humanas modernas de Europa e do sueste asiático, ou podería ter sido amplamente practicado polos primeiros humanos modernos que saíron de África decenas de miles de anos antes. Se é así, entón este tipo de arte podería ter orixes máis profundas».

Os achados de Sulawesi foron datados utilizando un método baseado na desintegración radiactiva de pequenas cantidades de uranio nas codias minerais formadas na parte superior dalgunhas das pinturas rupestres.

No hay comentarios:

Publicar un comentario