SLIDER

miércoles, 15 de abril de 2015

En Marte hai auga líquida durante a noite


Un equipo de investigadores liderados polo español Javier Martín-Torres acaba de demostrar que a auga líquida pode seguir existindo en Marte, polo menos durante a noite e na súa zona ecuatorial. O traballo, que espertou grande expectación entre os científicos dedicados ao estudo do Planeta Vermello, acábase de publicar en «Nature Geoscience».

Martín-Torres, do Instituto Andaluz de Ciencias da Terra, un centro mixto do CSIC e a Universidade de Granada, chegou a esta conclusión tras analizar os datos da humidade e a temperatura atmosférica do planeta durante un ano marciano completo (equivalente a máis de dous anos terrestres).

Os datos analizados proceden dun dos instrumentos do roverCuriosity, REMS (Rover Environmental Monitoring Station), unha estación meteorolóxica deseñada en España por investigadores do CSIC e integrada no vehículo da NASA, que dende hai anos explora o cráter Gale, no ecuador marciano. Nese tempo, o vehículo robótico percorreu máis de 9 km. no interior do cráter.

O traballo tamén ofrece unha posible explicación aos desprendementos de material que se observaron por todo o planeta. Estes desprendementos suceden de forma estacional, nos períodos máis cálidos, nas abas de moitos montes de Marte. E segundo os investigadores estas derrubas poderían estar causadas polos cambios de estado das salmoiras presentes nos materiais do chan.

A estación meteorolóxica REMS, deseñada en España por investigadores do CSIC, encárgase de monitorizar as condicións ambientais sobre a superficie de Marte. Na medición dos datos analizados neste estudo tamén participou outro instrumento a bordo do Curiosity, DAN (Dynamic Albedo of Neutrons), que mide a hidratación do subsolo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario