SLIDER

martes, 4 de agosto de 2015

Atopan no Deza unha nova variedade de narciso



Dende este mes, hai unha nova especie de narciso. E é galega. Trátase do Narcissus x Dezanus, que ten un apelido derivado da bisbarra do Deza, onde foi atopado por dous científicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

Os investigadores Xosé Ramón García Martínez e Francisco Javier Silva-Pando, naturais de Vigo e de Vilagarcía, publicaron o seu achado na prestixiosa revista “Candollea“, despois de facer o descubrimento no municipio de Rodeiro e incorporar a peza ao herbolario de Lourizán.

O Narcissus x Dezanus só florece en primavera e, como os da súa especie, é de gran beleza. “Caracterízase polos tépalos patentes, coroa cilíndrica non constrinxida no centro e escasamente expandida no ápico, este último dentado,” definen os autores. Ten un parente próximo que é asturiano, o Narcissus asturienses, pero diferénciase del “polo seu maior tamaño, tépalos patentes, menor diámetro da coroa, extremo desta algo máis expandido e dentes de menor tamaño,” explica Silva-Pando.

Como curiosidade, encontráronse nas illas británicas narcisos similares a este galego. Segundo explican na propia investigación, moitos bulbos de narciso foron exportados a Inglaterra no século XIX para saciar a proverbial afección dos ingleses pola xardinaría. Están descritas expedicións de botánicos ingleses recollendo bulbos indisciminadamente por toda Galicia. As hibridacións daqueles narcisos galegos deron lugar a variedades que hoxe no Reino Unido son moi parecidas ás orixinais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario