Dez voluntarios recrutados pola Axencia Espacial Europea (ESA) comezan esta semana nunha clínica de Toulouse (Francia) este curioso experimento de repouso absoluto para comprender os cambios fisiológicos que sofren os astronautas no espazo, onde non hai gravidade. Pero que ninguén leve a engano, pasar dous meses na cama é en realidade unha tortura chinesa.
Os humanos, como o resto de criaturas na Terra, evolucionamos para vivir en gravidade, pero se queremos continuar explorando o Sistema Solar e chegar, por exemplo, a colonizar Marte, teremos que afacernos á ingravidez. Para probar novos réximes de exercicios e dietas, así como para comprender o que lles sucede aos astronautas, a ESA leva a cabo regularmente estudos de repouso en cama, nos que se simulan os efectos da gravidade cero no corpo humano.
Pasar 60 días en cama pode parecer fácil, pero atopar voluntarios que se animen a iso non o é en absoluto, advirten desde a ESA. Non só deben ausentarse dos seus compromisos diarios normais durante dous meses; ademais, carecen de privacidade e sométense a mostraxes e probas estritas, como biopsias musculares. Ao final da súa aventura, volven á vida «en pé» debilitados e en baixa forma.
No hay comentarios:
Publicar un comentario