A maioría das criaturas vivas sobre a Terra, incluídos os seres humanos, están adaptadas á rotación do planeta grazas a un reloxo biolóxico interno que marca, por exemplo, os patróns de soño e o metabolismo. Durante moitos anos, os científicos souberon da existencia deses ritmos circadianos, pero foron os estadounidenses Jeffrey C. Hall (Nova York, 1945), Michael Rosbash (Kansas, 1944) e Michael W. Young (Miami, 1949) quen nos anos 80 desentrañaron como se dá corda a ese reloxo realmente. É dicir, cales son os mecanismos moleculares que o controlan, achados que este luns foron recoñecidos polo Instituto Karolinska de Estocolmo co Premio Nobel de Medicina 2017.
«Con exquisita precisión, o noso reloxo interno adapta a nosa fisioloxía ás fases radicalmente diferentes do día. O reloxo regula as funcións críticas, como o comportamento, os niveis hormonais, o soño, a temperatura corporal e o metabolismo», explican desde o Instituto Karolinska. Desta forma, o noso benestar vese afectado cando hai un desaxuste temporal entre a nosa contorna externa e o reloxo biolóxico interno, por exemplo cando viaxamos a través de varias zonas horarias e experimentamos o tan temido e pesado «jet lag», trastornos similares aos que provoca o traballo por quendas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario