O gran radiotelescopio de Arecibo xa ten un herdeiro na procura de sinais intelixentes no Universo. O pasado domingo, en efecto, foi colocada a última peza do que xa arrebatou ao xigante instalado en Porto Rico o título de maior radiotelescopio do mundo, FAST. Desenvolvido e construído pola Academia Chinesa de Ciencias na provincia de Guizhou, ten, en efecto, 500 metros de diámetro (case o dobre que o de Arecibo) e un tamaño equivalente ao de 30 campos de fútbol. FAST foi escavado na ladeira dunha montaña do suroeste da gran nación asiática.
Segundo explica un comunicado oficial, a partir deste momento os científicos poderán empezar a "depurar" o telescopio e levar a cabo as primeiras probas. Para Zheng Xiaonian, xefe adxunto do Observatorio Astronómico Nacional, que pertence á Academia de Ciencias Chinesa, "o proxecto ten o potencial para buscar e estudar os obxectos máis estraños, para entender mellor a orixe do Universo e para impulsar a procura global de vida extraterrestre". O telescopio, cuxa construción custou preto de 180 millóns de euros será, durante varias décadas, o máis potente e avanzado da súa categoría.
No hay comentarios:
Publicar un comentario