Ante a inminente chegada da nave espacial Juno da NASA, os astrónomos utilizaron o Very Large Telescope do Observatorio Europeo Austral (ESO) para captar novas e espectaculares imaxes en infravermello de Júpiter. As fotografías forman parte dunha campaña para preparar mapas en alta resolución do planeta xigante. Estas observacións proporcionarán información previa aos traballos que levará a cabo Juno a partir do 4 de xullo durante os próximos meses, axudando aos astrónomos para comprender mellor ao xigante gaseoso.
Un equipo dirixido por Leigh Fletcher, da Universidade de Leicester, Reino Unido, presentará as novas imaxes de Júpiter durante o Encontro Nacional de Astronomía da Real Sociedade de Astronomía do Reino Unido, que se realizará en Nottingham.
A campaña implicou o uso de varios telescopios con base en Hawai e Chile e contou, tamén, con achegas de astrónomos afeccionados de todo o mundo. Os mapas non só brindan instantáneas do planeta, senón que tamén revelan as variacións e cambios na súa atmosfera nestes últimos meses. «Estes mapas axudarán a definir o escenario que Juno rexistrará nos próximos meses. As observacións en diferentes lonxitudes de onda a través do espectro infravermello permitirannos conformar unha imaxe tridimensional de como a enerxía e o material son transportados cara arriba, a través da atmosfera», di Leigh Fletcher.
A nave espacial Juno foi lanzada no ano 2011, e viaxou case 3.000 millóns de quilómetros para chegar ata o sistema Joviano. As naves espaciais poden recompilar datos sen as limitacións que afectan os telescopios con base na Terra. Mentres que a nova misión Juno traia resultados novos e altamente esperados, o seu camiño sería achandado polos esforzos realizados na Terra.
No hay comentarios:
Publicar un comentario