SLIDER

miércoles, 29 de junio de 2016

Achan conservadas en ámbar as ás dun ave da época dos dinosauros


Un equipo de investigadores da Universidade de Geociencias de China en Pequín descubriu no nordés de Myanmar dúas pequenas ás atrapadas en ámbar fai 99 millóns de anos, en metade do período Cretácico, cando os dinosauros aínda camiñaban sobre o planeta. O achado demostra que as plumas das aves xa se parecían moito ás actuais.

Os restos parciais das ás están encerradas nuns poucos centímetros cúbicos de ámbar. As mostras inclúen ósos, plumas e pel, segundo un estudo publicado na revista Nature Communications.

O ámbar aínda conserva marcas de garras, sinais de que antes de morrer, unha das aves loitara contra a resina pegañenta que envolvera a súa á.

As plumas conservan a súa cor orixinal, desde puntos claros nas superficies inferiores aos marróns escuros noutras zonas, e en ambos os fragmentos das ás, as estruturas e os arranxos das plumas son similares aos observados nas aves modernas. Os ósos eran máis pequenos que os dun colibrí e non estaban desenvolvidos por completo. Isto suxire que as ás pertencían ás crías, probablemente de enantiornites, un grupo primitivo que tiña dentes e ás con garras, que se extinguiu ao mesmo tempo que os dinosauros, fai uns 66 millóns de anos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario