Un equipo de astrónomos da NASA, utilizando o telescopio espacial Hubble, acaba de descubrir que o Universo se está expandindo máis rápido do que se pensaba. En concreto, entre un 5 e un 9% máis rápido do esperado. En palabras do premio Nobel Adam Riess, que dirixiu a investigación, "Este sorprendente achado pode darnos pistas importantes para comprender esas misteriosas partes do Universo, que suman o 95% do total e que non emiten luz, como a enerxía escura, a materia escura e a radiación escura". O traballo publicarase proximamente en The Astrophysical Journal.
O equipo liderado por Riess logrou facer este descubrimento estudando a taxa de expansión do Universo cun detalle sen precedentes, e cunha marxe de erro de apenas o 2,4%. Os investigadores refinaron as medicións tras desenvolver novas técnicas capaces de aumentar a precisión con que se miden as distancias ás que se atopan as galaxias máis afastadas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario