SLIDER

martes, 14 de junio de 2016

Os cans xurdiron dúas veces de entre os lobos


O proxecto de investigación, dirixido pola británica Universidade de Oxford e no que participa o Trinity College de Dublín ou o Museo Nacional de Historia Natural de París, entre outras institucións de prestixio, reconstruíu a historia evolutiva dos cans mediante a secuenciación, por primeira vez, do xenoma dun can de tamaño mediano de 4.800 anos de antigüidade, cuxo óso en excelente estado de conservación foi atopado na tumba do Neolítico de Newgrange, en Irlanda. O equipo tamén obtivo o ADN mitocondrial de 59 cans que viviron fai entre 14.000 e 3.000 anos, e logo comparárono coas firmas xenéticas de máis de 2.500 cans modernos estudados previamente.

Os resultados das análises mostran unha separación xenética entre as poboacións de cans modernos que actualmente viven no Leste de Asia e en Europa, o que parece indicar que os cans foron domesticados por primeira vez a partir de dúas poboacións de lobos xeograficamente separadas en lados opostos de Euroasia. Pero nalgún momento despois da súa domesticación, fai entre 6.400 e 14.000 anos, os cans do leste dispersáronse coa migración dos seres humanos por Europa, onde se mesturaron cos nativos e a moitos os substituíron. A maioría dos cans de hoxe en día son unha mestura dos cans orientais e occidentais, unha das razóns polas que os estudos xenéticos previos foron difíciles de interpretar. Algunhas especies, como o can de Groenlandia ou o Husky siberiano, parecen ter devanceiros tanto de liñaxes de cans do occidente europeo como de Asia oriental.




No hay comentarios:

Publicar un comentario